A fala

A fala é un dos meus poemas predilectos, polas imaxes coas que se constrúe, a súa variedade, orixinalidade e adecuación á mensaxe que quere transmitir. Na miña opinión un dos mellores poemas da literatura galega.
A cación podemos escoitala no CD de Milladoiro, Unha estrela por guía, homenaxe a Manuel María, do ano 2006. A canción titúlase “Ese breve ronsel”

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pensar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o marmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

2 reflexións sobre “A fala

  1. Desexo que este blog se encha de cor coas metáforas da lingua e así poder visitalo de cando en vez. Noraboa pola iniciativa Marta.

Os comentarios están pechados.