Un dos poemas escrito por un participante no Campamento de Ons

Nesta actividade o texto base a seguir para que as e os asistentes puidesen elaborar os seus poemas foi o poema de Olga Novo: “29 de xaneiro do 2002”, pertencente ao libro A cousa vermella, editado en 2004.

O formato de poema-carta e a metáfora “estou aprendendo a ladrar” eran o punto de partida.

Velaquí un dos poemas escritos por algún participante:

 

Ola mamá

Quero lembrar os pesadelos

Cando o teu irmán maior

Morreu queimado

Cando aos cinco meses

Case morro expulsado da placenta

Do berce de carne en que nacía


Un obradoiro de poesía para as vacacións

 

Pois ben, agora que están publicados os materiais do obradoiro de poesía realizado co alumnado do CEP Neira Vilas en Peitieiros, Gondomar, o pasado 13 de decembro de 2012, é hora de editar neste caderno outros obradoiros anteriores.

Así o realizado os días 26 e 27 de xullo de 2007, no Campamento xuvenil da illa de Ons. Eran 88 nenos e nenas de 3º ciclo de Primaria.

O obradoiro levaba como título xenérico: Facerse ao mar, título que teño reiterado en varios obradoiros, que se realizan fundamentalmente a partir de poemas de escritoras nos que, ademais, dunha forma xenérica altérase o papel tradicional dado habitualmente á muller. E á reflexión de que en contra do establecido na Odisea as mulleres tamén nos facemos ao mar, no sentido metafórico da expresión, é a onde quero chegar.

Neste enlace podedes consultar o guión do que parto, o cal non quere dicir que me axuste exactamente a el, todo vai depender de como se vaia desenvolvendo o obradoiro:

http://www.aelg.org/resources/didacticspace/workshops/outlines/1197389144717martadacosta.pdf