O idioma é



Traballamos co poema a Fala, nunha sesión en que a lingua era a protagonista. E este foi o resultado de xuntar todos os versos:777-21505-a-manuel maria

O idioma é

a voz do berro e do silencio

a voz das bágoas e a do amor

o idioma son eu

somos nós.

A lingua é a vida

a vida é a lingua

eu son a miña lingua

a miña lingua son eu

O idioma é o centro

dun mundo de reflexión

oonde todos achegamos

un anaco do noso interior

o idioma é o corazón da terra

a voz da xente

e o pensamento da historia

O idioma é o ronsel do tempo

agarimo da nena

terra e mar que bailan

O dioma é a chuvia

que me desfai

na terra húmida

O idioma é a mediciña

que cura o mal de amores

co que fala o corazón

e que traduce a pluma

O idioma é a luz

coa que iluminamos o mundo

o vehículo da fala

a autoestrada da comunicación

O idioma é uh vehículo

un medio de conexión

achega culturas

escribe momentos

constrúe pontes

une xeracións

o dioma é un regalo

o mellor xoguete do neno

envolto con contos e adiviñas

disfrutarao máis ca un caramelo

O idioma é amor

entrégase aos fillos

detodo corazón

con aloumiños e mimos

O dioma é a ferramenta

coa que construímos a realidade

tamén narramos os soños

e dicimos o que non é verdade

O idioma é o vento

co que deixamos o mar

o idioma é o lume

co que nos sentimos ben

 

 

Fotografando emocións:

“Cada vez que dou un mergullo na miña vida apaño retrincos desleixados… que agora vou aproveitando…nos meus soaces literarios” Castelao, Retrincos.

Despois de ler algúns dos textos, prosa ou verso, creados en homenaxe da muller galega falamos da arte e a experiencia, unha reflexión ao redor destas palabras de Pilar Pallarés:

“toda beleza que conmove nace da morte, que non hai arte sen a experiencia, ou a nostalxia, ou a anticipación ou a adeviñación do sufrimento.”

Tamén recomendamos o seu Libro das devoracións, unha lectura imprescindíbel.40148

Logo, da man de Camilo Franco e o seu Palabras contadas mergullamos no microrrelato.

XG00132201

 

Coa axuda das imaxes:

O obradoiro de hoxe iniciouse coa lectura das cartas que as alumnas e os alumnos escribiron, seguindo o consello de Roger Wolf.

Nesas cartas as lecturas máis citadas foron as de García Márquez e as irmás Bronte. Tamén Enyd Blyton, a autora dos libros que debían ser máis asequíbeis para a nosa xeración.

Outra das cuestións que chamou a miña atención foi que se indicaran varias lecturas que
se iniciaron como obriga, mais que logo resultaron ser do seu agrado. Entre elas a de Arredor de si de Otero Pedraio.

Tamén houbo referencias aos libros vivos, é dicir, os avós, as avoas, de quen tanto se aprende.300px-Schadow_Grabmal_Alexander_2

A seguir demos paso á sesión prevista para hoxe, que tiña como cita introdutoria estas palabras de Taibo escritas a Manuel Antonio:

” fago versos sin cultura nin preparación. De onde tira-lo celme que choia a eficacia que vostede deseja? Avella escura do cortizo da Terra, -só da Terra!- non teño máis celme que o que deito nos meus versos…”, Victoriano Taibo, en Manoel-Antonio, Correspondencia.

Logo detivémonos no poema “Lembranza da tecedeira”, para falar da utilización de mitos e tópicos no tratamento dun tema literario. E até aí chegamos, falando de parcas, moiras e nornas, de aracné e do libro Mitos e lendas da vella Grecia de Anisia Miranda.vf1anisiamiranda

Que foi antes a escrita ou a lectura:

Hoxe desenvolveuse a primeira sesión do II Obradoiro de creación literaria Victoriano Taibo. O título da sesión era: “Que foi antes a escrita ou a lectura” e estaba precedido da seguinte cita:

“Tes que facer a montaña cos libros lidos e descubrir cal é o punto máis alto. Le, le febrilmente, e aplícate tamén a escribir. Rompe tantos papeis como precises até acháreste diante do libro que che gustaría ler.” Resposta a X.P., un mozo que quería ser escritor, Marica Campo.

Nesa mesma carta de Marica Campo ao mozo que quere ser escritor, lemos:

“Tampouco esquezo que, o día en que veu Manuel María ao Colexio, lle preguntaches que tiñas que facer para escribir ben… Non che deu pautas para a técnica, senón para o entusiasmo.”

Tamén lemos a Xabier DoCampo, unha anotación sobre a lectura no seu blog persoal, en que di: “…a lectura fai iso: axudarnos a analizar os nosos sentimentos e, o que é máis transcental, apréndenos a lles poñer nome, o nome que os identifica como propios.”

Limos a Rilke,

Rilke

a Alberte Momán … e rematamos lendo o fermoso poema de Olga Novo que sempre me acompaña nos obradoiros: “29 de xaneiro do 2002. Querida mamá: estou aprendendo a ladrar.” publicado no seu libro A cousa vermella.

E marchamos para escribir unha carta porque como di Roger Wolfe: “o escritor que non escribe cartas non é un verdadeiro escritor”

Wolfe

 

Obradoiro de creación literaria Victoriano Taibo

O vindeiro sábado 4 de outubro comezará (se hai matrícula suficiente) o curso de creación literario Victoriano Taibo que desde o IEM me convidan a coordinar. Este curso ten como subtítulo “Desenvolvendo o nobelo”, un subtítulo que fai referencia a esta entreda publicada no meu blog:

Escribir é…

atopar a punta do fío axeitado e tirar del até desfacer o nobelo.
Despregar diante de nós esa sucesión de palabras que constrúe o edificio do texto e abriga as ideas.

As persoas que queiran inscribirse poden facelo a través do correo oficina @minhor.org ou de luns a venres de 18 a 22 horas no teléfono 986360575.

Aquí pode lerse o programa completo:

http://www.minhor.org/inicio/39-novas/1075-abrimos-inscricions-para-un-curso-de-creacion-literaria-a-cargo-da-escritora-marta-dacosta-no-iem